Roteiros por Dozón

Roteiros por Dozón

 

Roteiro Val do Río Seixas

Lonxitude: 8 qm

Duración: 2 horas e 30 minutos

Dificultade: Media, cun terreo de elevación moderada

Época do ano: calquera

Lugares de interese: Praia Fluvial de Sanguiñedo e Igrexa de Sanguiñedo

Comezaremos a nosa andaina no Santo Domingo, xusto no cruce da N-525 en dirección ó Castro, onde apartamos á man dereita e comezamos a baixar cara Sanguiñedo. Tras percorrer ó redor de 1,8 km, chegaríamos á Praia Fluvial, onde contamos ca Área de Lecer, sendo este punto outro lugar de inicio, podendo acurtar o percorrido os 1,8 km que andariamos dende a Estrada Nacional.

Neste punto contamos cun sinal que nos fai andar 600 metros, chegando a un cruce á man dereita, xusto onde se atopa o Local Social de Sanguiñedo e dirixíndonos cara a Igrexa Parroquial. Tras 300 metros apartariamos outra vez á dereita, pero deberiamos continuar recto para poder observar a Igrexa de Sanguiñedo, a cal se encontra nun enclave chamativo polo primitivo da natureza e a mesma situación de soidade e tranquilidade que transmite a Igrexa, posto que é a única construción do lugar, e está rodeada pola vexetación típica.

Tras andar 800 metros apartando no cruce indicado, percorremos o Val do Río, e chegamos ó punto onde se atopa a Turbeira, un humedal que non amosa auga libre na superficie, e que facilita que se constitúan ecosistemas distintos posto que a auga queda estancada ó baixar das zonas máis elevadas, xa que as turbeiras están en zonas aplanadas, podendo observar unha vexetación marcada polas gramíneas, arbustos e carices.

Andaremos 400 metros baixo o bosque, punto no que nos apartamos do Río cara a esquerda, comezando o ascenso que nos permite a completa visualización do Val do Seixas, dominado por bosques e pradarías. Coroando a cima, temos a Aldea de Seixas, á cal chegamos por dito sendeiro, e continuamos seguindo o sinal que aquí se atopa. Percorremos 1,3 km para chegar á Aldea de Navallo, onde comezamos a baixada cara o fondo do Val, lugar no que remata o noso percorrido tras cruzar a ponte sobre o Río, voltando así a este mesmo.

Observaremos unha paisaxe típica das ribeiras dos ríos, con árbores coma os sanguiños e os bidos, contemplando tamén o verde dominado polo gando do Rural, e as construccións típicas dominadas pola pedra. Nas aldeas poderemos contemplar as construccións típicas, dominadas polo emprego da pedra amosada nas cortes e alvarizas. Destaca o entorno da Igrexa de Sanguiñedo, a cal conta cun adro que amosa un cruceiro no medio, e cunha solaina anexada ó lateral da sacristía; A igrexa conta cunha única planta rectangular, destacando a nave principal e o coro, cunha fachada coronada pola espadaña enmarcada por cadanseu pináculo nos seus extremos, así coma nas coroacións dos vértices da fachada.

Andaina por Dozón

Lonxitude: 6 qm

Duración: 1 hora e 25 minutos

Dificultade: Media, con desniveis e pendentes moderadas conforme nos acercamos ó final do traxecto.

Época do ano: Calquera

Lugares de Interese: Igrexa de A O, Mosteiro de San Pedro de Vilanova, Igrexa de Dozón e Pena de Francia.

Comezamos esta andaina no Lugar de O Castro, onde podemos aprezar a Igrexa Parroquial de A O, do S.XIX pertence o estilo neoclásico. Unha vez aquí apartamos no cruce da N-525 en dirección Diz pola estrada que vai dende o Castro cara A Rocha. Tras percorrer 1,3 quilómetros, apartamos nun cruce á man dereita, onde xa nos aparece indicado cun sinal o Mosteiro Románico de San Pedro.

Comezamos un descenso de 470 metros, tralo que chegamos ó Lugar de Mosteiro, onde podemos visitar o Mosteiro de San Pedro de Vilanova, pertencente ó Románico e construído no S.XII, feito que podemos aprezar na inscrición da súa ábsida. Observaremos aquí como a localización do Mosteiro é envexable, recollido no mesmo lugar atópase aberto cara o río. Así mesmo, podemos ver xusto antes de chegar ó mesmo Mosteiro, e ó seu marxe dereito, o antigo solar do Rei Wamba, supostamente pertencente a súa familia, hoxe atópase en ruinas.

Saíndo do Mosteiro, apartaremos no cruce cara a man esquerda, percorrendo 650 metros, chegamos a outro cruce onde continuamos outra vez cara a esquerda, chegando tras andar 300 metros á Igrexa de Dozón. Neste punto podemos observar a Igrexa Parroquial, do S.XII, observamos o seu exterior decorado, cunha construción que mestura elementos románicos e barrocos.

É aquí onde comezamos a subida cara a Pena de Francia, posto que collemos a dirección que nos leva a Cardelle, e tras 2 quilómetros e 700 metros, chegaremos a Ermida da Virxe e ó entorno que a recolle, onde podemos contemplar  unhas vistas de todo o Concello.

Nesta ruta poderemos desfrutar tanto do Patrimonio arquitectónico coma natural do noso Concello, posto que mestura algúns dos monumentos máis destacados xunto co entorno natural máis coñecido, a Pena de Francia.

Percorrendo o Sisto

Lonxitude: 4,2 qm.

Duración: 1 hora.

Dificultade: Media.

Época do ano: Calquera.

Lugares de interese: Igrexa de San Xoán de Sisto e Igrexa de San Breixo.

Iniciamos o percorrido no lugar da Igrexa do Sisto, onde podemos observar o templo parroquial, o cal alberga pinturas do ano 1522, catalogados coma os mellores frescos renacentistas galegos. Unha vez aquí comezaremos o noso percorrido andando unha lonxitude de 2,8 quilómetros ata chegar ó lugar de As Maceiras.

Chegados ás Maceiras, colleremos un cruce á esquerda, desviándonos cara un camiño de terra, polo cal poderemos marabillarnos coa paisaxe, posto que percorreremos un traxecto marcado polos bosques e pradarías, que complementan a paisaxe fluvial de Sestos, na cal podemos observar os muíños típicos ó carón do Río Deza, lugar frecuentado por pescadores dada a afluencia de troitas neste tramo.

Tras desviarnos no cruce anterior e percorrer unha distancia de 140 m, volvemos a desviarnos á dereita para percorrer outros 550 m, tralos que xiramos outra vez á esquerda e andar 51 m, desviándonos logo á dereita e percorrendo 400 m chegaremos á San Breixo.

É aquí onde atopamos a Igrexa da Parroquia de As Maceiras, que levantada sobre un castro, feito que observamos na súa posición, atópase escondida, rodeada de bosques e vexetación, o que lle outorga un aspecto máximo e enxebre, facendo que sexa un lugar que nos ensina tranquilidade e a conservación do verde dos nosos montes.

Roteiro do Camiño

Lonxitude: 6,1 qm.

Duración: 1 hora e 16 minutos.

Dificultade: Media.

Época do ano: Calquera.

Lugares de Interese: A Gouxa, Mosteiro de San Pedro de Vilanova, Igrexa de A O.

Comezamos a nosa andaina no lugar de A Gouxa, onde collemos no cruce á dereita dirixíndonos cara Bidueiros. Continuamos o noso tránsito, chegando a Cubelos tras percorrer un quilómetro e medio. Dende aquí seguimos andando outro quilómetro ata chegar a Quintá, lugar no que nos desviamos á man esquerda dirección Mosteiro.  Unha vez aquí, andaremos 564 metros e xa podemos contemplar o Mosteiro Románico de San Pedro de Vilanova, datado do S.XII, está considerado coma unha das xoias románicas. Percorreremos 1,31 Quilómetros ata que cheguemos ó lugar de Diz, pasando antes polo de Riazó e salvando un percorrido que destaca polas inclinacións e os bosques e pradarías. Finalmente, tras percorrer 1,80 Qm, chegamos a Igrexa de San Salvador de A O, entrando así no Castro.

Propoñémosvos un roteiro sinxelo, cunha importancia visual destacada posto que atravesa unha das partes máis montañosas do noso Concello, ó mesmo tempo que unha das partes máis verdes, permitindo tanto desfrutar do paisaxe coma do Rural galego.

É este un percorrido alternativo, especialmente vinculado ó Camiño de Santiago, conta coa variante de percorrer o interior do noso Concello, variando o trazado pegado á estrada N-525. Este feito fai que sexa máis agradable ós camiñantes, que poidan desfrutar da vida rural galega na súa Etapa ata o Castro, ó mesmo tempo que poden desfrutar do noso Patrimonio, sendo unha alternativa práctica, e que non ten unha diferencia de tempo de máis de 15 minutos.

Roteiros que atravesan Dozón

Ver máis