"TERRAS OUTAS"
TABOLEIRO
"Terras outas de Dozón Ríspidas, graves e núas Escasas de pan e son, Fartas de soles e lúas... ¡Terras outas de Dozón! Terras bravas, montesías, De menhires e cruceiros Que soñan baixo os luceiros Con antergas teoloxías. Monte raso, monte enxebre, Campa da rola viuda, Da ínqueda e medosa lebre E a roiba cabra barbuda. Monte triste, en soedade, Pardecendo de carrascos, Humilde saial de frade, Mantelo pobre de tascos. Pedras dos cumes desfeitas, Do lóstrego e do trebón. |
Mudas, inmobres, ergueitas, Como mans en oración. Outros castros derrubados, Fondas covas atuídas Polos ósos requeimados De guerreiros e druídas. Todo en vós dorme calado No colo da Saudade, Nun soño de eternidade Con degaros do pasado! ¡Terras Outas de Dozón! Na hora da despedida Déixovos o corazón! Vinvos vello que se non, ¡Outra fora a miña vida, Terras de monte Dozón!" |
Ramón Cabanillas.
Como recollen, e dunha maneira realista, as verbas de Cabanillas (o cal foi secretario do noso Concello) Dozón é un Concello dominado polo terreo montañoso, contando con varias elevacións coma os Altos de San Martiño e Santo Domingo, así coma o Monte da Rocha, e máis aínda Pena de Francia. As inclinacións do terreo amosan a paisaxe típica de Galicia, dominada polos verdes, amosando as praderías e vales, os cales recollen e amosan a importancia do noso Rural. Contamos con numerosos regatos, os cales nos deixan os muíños como testemuño etnolóxico do pasado, recollendo así as tradicións dos nosos antepasados e que nos amosan paisaxes fermosas.
A nosa sociedade vive no Rural, e mantén vivas numerosas tradicións que fan que tanto a paisaxe coma a vida aquí se manteña. A gandaría que é a actividade económica esencial do noso Concello axuda a que poidamos conservar a paisaxe, desfrutar da tranquilidade que este modo de vida aporta, e máis aínda da calidade, mantendo o cariño polo entorno que fai que entre todos o manteñamos e coidemos.
Ó longo do percorrido por esta Fiestra, tentaremos amosarvos o noso Concello, convidándovos así a visitarnos. Se como dixemos a nosa Sociedade é maiormente Rural, e mantendo o orgullo deste mesmo feito, estamos convencidos que dita característica favoreceu o mantemento de numerosas tradicións, feito que marca o noso desenvolvemento. Contamos co Camiño de Santiago, feito que suma a nosa presenza nun plano que sobrepasa as fronteiras europeas, e que favorece a difusión do noso Concello como ente visitable e agradable, amosando as nosas paisaxes e patrimonio, e favorecendo o desenvolvemento cultural e económico ó longo dos Séculos. Dita importancia das tradicións, queda manifesta na Feira da Gouxa, cruce de camiños secular, que xunta o paso do Camiño cunha Feira de nacemento Medieval que se sigue a manter nos nosos días.
Contamos cun Patrimonio destacado, posto que contamos cun dos exemplos máis fermosos do Románico Galego, o noso Mosteiro de San Pedro de Vilanova fundado no 1154 por Dona Guntroda Suárez, a cal o dotou de terreos e conseguiu numerosas prerrogativas rexias para el. Por outra banda, temos unha obra descoñecida para a inmensa maioría, as Pinturas Renacentistas do 1522 da Igrexa de San Xoán de Sisto, obra do Mestre do Sisto, portugués que percorreu o territorio galego deixando testemuño de varias obras, e que ten como cume o Sisto, posto que son calificadas polos estudosos da materia como o mellor conxunto renacentista de Galicia.