Patrimonio por Descubrir

Patrimonio por Descubrir

 

 

Igrexa de San Breixo

A Igrexa do S.XVI eríxese sobre o Castro de San Breixo, observando o foso persistente que se aprecia conforme chegamos aquí, xa que rodea a construción e o entorno, posto que para acceder ó templo temos que ascender unha costa. Do mesmo xeito, podemos observar como o muro da Igrexa é distinto á dita edificación, manifestando a colocación das pedras que o forman o seu traslado doutra construción anterior, xa que están colocadas en parapeto. A pedra que forma a Igrexa xa se ve traballada, e amosa o seu orixe barroco, marcado polos pináculos que enmarcan a fachada, así coma na espadana do campanario, a cal amosa a diferenza nun dos piares, que se debeu a unha tormenta no Século pasado.

Igrexa de San Xoán de Sisto

Na parroquia do Sisto, no lugar da Igrexa podemos visualizar a elevación que manifesta a existencia baixo terra dos restos do Castro, o cal lle dá nome a dita zona, “Os Castros”, e que é obxecto de numerosas lendas sobre os restos que tiñan aparecido no Século Pasado durante as labores agrícolas. É ó carón deste lugar onde se erixe a Igrexa do S.XIII, sobre o atrio e ó carón da Praza Nova. Esta construción manifesta o seu orixe románico nos canzorros que soportan as cornixas e que aparecen decorados con diversas figuras. Así mesmo, queda manifesto o barroco na portada, a cal conta con dinteis que rompen as liñas, remates que sobresaen nas cornixas marcando o contraste característico do barroco. Temos nesta Igrexa o exemplo máis destacado do Renacemento Galego Pictórico, posto que alberga frescos do S.XVI que amosan escenas da Paixón de Cristo.

Igrexa de Santa María de Sanguiñedo

Nun entorno envexable, posto que se atopa nun claro de bosque, soa, presenta a clara inspiración barroca na súa fachada, datada do S.XVI. Presentando unha planta rectangular, conta cos engadidos da sancristía á man esquerda, así coma unha solaina de pedra, que se sustenta en piares de pedra. A súa fachada e a espadana son barrocas, observando as roturas que presentan os entaboamentos. Queda clara a elevación cara o ceo, posto que tanto os pináculos coma as liñas que percorren o teito da ábsida, pretenden a verticalidade.

Igrexa de Santiago de Saa

No lugar de Saa atopamos o templo parroquial, amosa o seu estilo barroco do S.XVI, cuxa fachada presenta as roturas construtivas manifestas nos piares e cornixas, así coma a espadana que enmarca a fachada, cuxa portada rectangular amosa un van superior no cal se abre unha fiestra, amosando así mesmo altorrelevos que enmarcan a fachada a ámbolos dous lados baixo a cornixa da espadana.

 Igrexa de Santo André de Vilarello

O templo parroquial conta cunha construción sinxela, cuxo material é o granito e pedra alternados, posto que na fachada atopamos o granito en amplos bloques, e nos laterais do transepto vemos como os muros están dispostos en aparello. O seu presbiterio de cantaría atópase máis elevado, cun engadido final tras el. Na súa fachada atopamos o van da portada cunha ventá sobre esta, e cun campanario que coroa a sinxeleza e sobriedade de dita construción.  

Igrexa de Santa María de Dozón

A igrexa parroquial pertence ó Románico do S.XIII, como así se aprecia na portada de acceso, a cal aparece enmarcada por dous piares decorados de motivos vexetais, que sustentan dous arcos de medio punto coroados por arquivoltas. Sobre o reloxo que coroa a fachada a modo de van, presenta a espadana xa barroca,  presenta dous corpos que albergan en primeiro lugar o campanario, e en segundo a escultura da Virxe María. Todo o conxunto aparece enmarcado por pináculos nas súas esquinas, mentres que podemos observar nos seus muros a presenza de canzorros decorativos na cornixa, ademais dos restos de baixo relevos que posiblemente pertencería a un baldaquino renacentista que estaría dentro da Igrexa, e que amosa unha escena da Anunciación. No seu interior alberga pinturas renacentistas de temática relixiosa, obra do chamado Mestre do Sisto.

Igrexa de Santa María de Bidueiros

Este templo pertence ó SXVIII, contando cunha sinxela construción, presenta unha planta rectangular, cun presbiterio elevado e co engadido da sacristía. Na súa fachada o único van que temos é o espazo da porta de acceso principal, enmarcada tanto na súa parte superior coma no seu campanario polos característicos pináculos.

Igrexa de San Salvador da O

A Igrexa Parroquial pertence ó neoclásico, sendo a excepción, posto que podemos observar a data de construción no teito desta, o ano 1803; o seu interior está decorado con pinturas de comezos do S.XX. Chama a atención o baldaquino do campanario, coroado polos pináculos e enmarcado por un balcón de cantaría. A nave rectangular, co presbiterio máis elevado, amosa 3 naves engadidas á man esquerda e dereita, e outra detrás do presbiterio. Estamos ante un edificio que conta con profusa decoración no seu exterior: esculturas, cruces de mármore, un reloxo de sol, e unha pía que amosa un cranio de pedra sobre ela.