
Camiño de Santiago
“Se llaman palmeros aquellos que viajan a ultramar –Santos Lugares-, donde frecuentemente reciben la palma; se llaman peregrinos los que van a la casa de Galicia, dado que la sepultura de Santiago se encuentra más lejos de su patria que la de cualquier Apóstol; se llaman romeros aquellos que van a Roma”
Dante Aliguieri, Vita Nuova
En Dozón a importancia do paso do Camiño queda marcada ó longo dos Séculos, posto que favoreceu a evolución e desenvolvemento comercial. O noso Mosteiro de San Pedro de Vilanova e o veciño Mosteiro de Oseira tiñan un vínculo manifesto en numerosos documentos da época, e dita relación plasmábase nunhas bases comerciais que propiciaron o xurdimento da Feira de A Gouxa na Idade Media, lugar de cruce de camiños e paso de peregrinos, os cales favorecían os intercambios culturais e monetarios. É tamén ó pé doutro lugar de paso do Camiño, o Santo Domingo, onde temos outro testemuño de dita relación: a Capela que ostenta o escudo do Mosteiro de Oseira na súa cabeceira.
O descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago no Pico Sacro, e o seu traslado por orde de Alfonso II a Santiago, onde se constrúe a Igrexa e o Sepulcro que hoxe alberga a Catedral, deu inicio a unha das Rutas de Peregrinaxe máis famosas da Historia da Humanidade, contando cun primeiro peregrino de excepción: o Rei Alfonso II.
Como aconteceu cos numerosos Camiños que van a Santiago, valéronse das estradas romanas que conectaban a meirande parte da Europa Cristiá, xurdindo así o emprego da Vía da Plata, a cal pasa polo noso Concello, contando nós con restos da estrada romana en Dozón que pasaba tamén por aquí. O paso concreto polo noso Concello, é o do ramal do Camiño Sanabrés dende Astorga, comezando esta en Sevilla, coñecido tamén como Camiño Mozárabe. Este camiño emprega a antiga estrada romana que comunicaba Emérita Augusta (Mérida) con Asturica Augusta (Astorga). O nome da Vía da Prata provén do vocablo árabe “Ba La Ta”, o cal significa enlousar, referíndose así mesmo a estas estradas romanas, as cales estaban enlousadas con pedras.
Na Idade Moderna e ata o Século pasado a afluencia de peregrinos caeu, sendo unha labor profunda da Xunta de Galicia co Xacobeo de 1993 o seu repunte que coincide coa concesión de Patrimonio da Humanidade da Unesco, cunha chegada de persoas cada vez maior. Neste senso, o Camiño de Santiago conta con numerosos recoñecementos internacionais, sendo o Primeiro Itinerario Cultural Europeo dende o 1987, outorgado polo Consello de Europa.