Instalacións

Instalacións

O Noso Concello conta con diversas infraestruturas, as cales teñen como fin esencial dar todos os servizos que están na nosa man aos nosos veciños:

-A Casa Consistorial, a cal está no único núcleo urbano do Concello, O Castro. Aquí realízanse todos os trámites administrativos tendo tamén os trámites de Servizos Sociais; contando coa Secretaría e Intervención, así como Alcaldía, e sendo o lugar onde se celebran as Sesións Plenarias do Equipo de Goberno.

-O Centro de Saúde, o cal se atopa no Castro, onde contamos cos servizos médicos do Sergas, sendo a titularidade do mantemento do Concello. Pegada a este, está a Vivenda do Médico, a cal é propiedade do Concello e era a residencia do médico ou médica que estaba destinado aquí.

-A Biblioteca, a cal está na antiga Cámara Agraria, tamén no núcleo urbano do Castro, e que serve tamén como local social para diversas actividades de ocio que se realizan dende as distintas asociacións culturais do noso Concello.

-O colexio, C.E.I.P. Pío Cabanillas Gallas, o cal está no núcleo do Castro, onde se imparte Educación Primaria ós nenos do noso Concello e cuxo mantemento está en mans do Concello. No mesmo entorno do Colexio contamos coas antigas vivendas dos Profesores, as cales son de titularidade municipal.

-O Complexo da Piscina, o cal conta co Albergue e co Campo de Fútbol, que se atopan no Castro, e que son de titularidade municipal. A antiga cafetería da Piscina hoxe está reconvertida no Albergue Municipal, o cal é un dos edificios máis visitados do Concello dado que nos atopamos na Vía da Prata e o tránsito de pelegríns cara Santiago é unha constante todo o ano; este conta con tódolos servizos necesarios para acomodar a estancia dos pelegríns: cociña e comedor, duchas e baños, habitacións individuais, dobres e literas. A piscina atópase nun recinto arbolado, contando cun paseo e parque, e tendo ademais da piscina grande, unha pequena e valada para os máis cativos; aberta no período estival, conta cuns vestiarios perfectamente equipados, con cambiadores individuais, baños e duchas (interiores e exteriores), así coma diferenciados por sexos. Por último temos o Campo de Fútbol, “A Curuxa”, contando coas gradas e os vestiarios, lugar de concentración do noso Equipo de Fútbol, O Dozón SD, que disputa a Liga Terceira Autonómica, e onde este entrena e celebra os partidos como local.

-O Tanatorio Municipal, situado na contorna do Polígono Industrial do Castro, dispoñible para calquer veciño que queira empregar este servizo.

-Locais Sociais, cada parroquia conta cun Local Social que está a disposición dos veciños para a realización de calquer actividade.

-Recinto Feiral de A Gouxa: construción deseñada co fin de albergar as feiras de gando mensuais que tiñan lugar na Gouxa. Perfectamente acondicionado, conta con servizos de aseo e parrillas, as cales se dispoñen de acordo á forma circular da construción, posto que é neste lugar onde ten lugar a degustación gratuíta durante a Festa da Carne ó Caldeiro e a Bola con Torresmos.