DESCUBRE DOZÓN
O nome do noso Concello provén da Idade Media, “Dezón”, termo que dá orixe ó nome da nosa Comarca do Deza; Foi o arquidiácono Gonzalo Rodríguez quen no 1226 empregou o termo Dozón para designar as terras das que era titular. Dito termo, por un erro cartográfico de Domingo Fontán pasou a designar ó Río Asneiro, ten o seu orixe en varios regatos que nacen na Pena de Francia. No noso territorio contamos con varios vestixios de asentamentos humanos dende a Idade do Bronce con castros coma o de San Breixo, así como o o “Camiño Vello”, restos da calzada romana que pasaba polo noso Concello e que comunicaba con Lugo, a “Lucus Augusti” romana.
Contamos coa existencia de varios documentos que amosan a presenza de Dozón ó longo dos Séculos, pero o feito máis coñecido é unha lenda que nos sitúa na mesma Corte Rexia Visigoda: o Rei Wamba. Durante xeracións, e coñecido máis aló dos nosos lindes, somos o lugar de nacemento e berce de Wamba, derradeiro Rei do esplendor visigótico. Wamba nace na Parroquia de Dozón, fillo do rei e dunha criada deste, que foi desterrada e chegou a Dozón, onde se criou o mozo sendo un simple pastor. A vida deste cambia no momento no que pasa a ser designado sucesor rexio contra a súa vontade, sendo coroado Rei como sucesor de Recesvinto a pesares da súa negativa. Wamba tivo que vivir as conxuras existentes no momento, e a pesares de ser un Rei querido, foi vítima das mesmas obrigado a renunciar á Coroa e retirarse ó Mosteiro dos Monxes Negros de San Vicente en Pampliega (Burgos), onde morre no 688 sendo soterrado alí mesmo, e trasladado posteriormente á Catedral de Toledo.
Outro fenómeno histórico do que formamos parte é o Camiño de Santiago, o cal transcorre dentro dos nosos lindes. Neste senso, o Camiño de Santiago é coñecido difusor cultural e económico, polo que podemos afirmar que ten parte de acción no desenvolvemento de Dozón como enclave; así como propiciou e fomentou o desenvolvemento do Románico, manifesto en construcións do noso Concello, destacando sobre todos o Mosteiro de San Pedro de Vilanova. Como vehículo económico, é innegable a relación que mantivo co Mosteiro de Oseira, veciño noso, favoreceu o comercio, feito que dá orixe á Feira de A Gouxa, a cal se mantén viva a día de hoxe, contando cunha importancia destacable na contorna, e visitada e coñecida amplamente máis alá da nosa mesma Provincia.