Feira de A Gouxa
O lugar de A Gouxa é unha pequena aldea que pertence á parroquia de Bidueiros, e representa unha das tradicións máis lonxevas do noso Concello manifestada na súa feira que ten lugar os días 11 e 23 de cada mes, e que conta cunha destacada afluencia de xente. As feiras que coñecemos hoxe en día xorden na Idade Media como confluencia de comerciantes nun lugar estratéxico pola confluencia de camiños, e alí vendían e trocaban produtos. As feiras quedan establecidas baixo unha periodicidade temporal, permitindo establecer tratos durante varios días amparados polas autoridades, as cales conceden unha serie de prerrogativas coma a exención de xuros: é nestas feiras medievais onde xorden o que hoxe coñecemos como bancos, xuros, empréstitos, letras de cambios, e mesmo a bolsa.
A Gouxa é un cruce de camiños importante Séculos atrás, posto que aquí confluían os camiños que proviñan do Ribeiro, de Ourense, de Oseira, pasando tanto pola Parroquia de Dozón, coma dirixíndose cara o Castro. Deste xeito, dito emprazamento foi aproveitado polos monxes de Oseira na Idade Media, os cales tiñan a xurisdición, para marcar o desenrolo do comercio neste lugar, co fin mesmo de vender os seus produtos. Como resto da famosa feira promovida por Oseira, temos os Pendellos do S.XVIII, de propiedade privada, quedando tamén moitos remodelados a día de hoxe ó longo das rúas e que non semellan nada ó que eran en orixe, ó igual que pasa ca capela que existía no seu momento.
PENDELLOS S.XVIII
Pola presenza secular da Gouxa como enclave tradicional no marco das Feiras en Galicia, pola tradición que se segue a manter, é o lugar escollido para celebrar un dos pratos típicos das mesmas feiras: a famosa Festa da Carne ó Caldeiro e a Bola con Torresmos, cita gastronómica emblemática do noso Concello o primeiro domingo do mes de xuño ano tras ano, e que aglutin unha afluencia de xente de toda Galicia. Xorde no ano 1994 pola tradición deste prato no noso Concello, relacionada en sí mesma coa existencia secular da Feira da Gouxa . Dende o seu nacemento, destaca pola degustación gratuíta no Recinto Feiral, onde se ofrece a famosa bola con torresmos e chourizos, observando os asistentes a elaboración, e amenizada musicalmente. Ano tras ano, a afluencia de xente é notable, o que supón a difusión desta tradición por toda a xeografía galega, podendo coñecer os pendellos e a vida existente nesta pequena aldea, destacando a afluencia de xente neste día, que unha vez rematada a degustación, desfrutando da Carne ó Caldeiro nos pendellos reformados.
A difusión da Feira da Gouxa, e en especial da súa senlleira Festa da Carne ó Caldeiro e Bola con Torresmos, é manifesta en toda a xeografía galega e mesmo máis aló, polo que a Televisión de Galicia visitounos para amosar o motivo da importancia e difusión destas Festas, as cales contribúen de maneira espectacular á máis que valorada gastronomía tradicional, sendo un valor vencellado ás nosas raíces e motivo da continuidade de afluencia popular:
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/xxi-festa-da-carne-ao-caldeiro-e-bola-con-torreznos