Mosteiro de San Pedro de Vilanova
Cando chegamos ó lugar do Mosteiro na Parroquia de Dozón, podemos intuír claramente que o nome provén do edificio que se sitúa na súa entrada, xunto ó que se sitúa un camiño empedrado, que nos pon de relevo a monumentalidade do templo, cuxas pegadas son visibles hoxe en día nos muros dalgunhas casas do Lugar, posto que aproveitaron a pedra do desaparecido Mosteiro.
É no 1154 cando Guntroda Suárez, señora feudal, decide doar os terreos para a súa construción e dotación de propiedades para a súa subsistencia, unha práctica estendida na Sociedade Feudal, pola que as grandes señoras feudais unha vez viúvas, se retiraban ós cenobios fundados por elas para pasar o resto dos seus días. Así mesmo aparece recollido no muro da ábsida, onde aparece o nome coma a data de fundación deste cenobio bieito feminino. O poder que acadou o Mosteiro queda manifesto na prolongación de adquisición de propiedades pola Xeografía Galega, e no mesmo Concello actual, posto que lle foi concedida a catalogación de Coto Real no 1173, e dita condición do Concello estaba administrada polo Mosteiro. Independente até o 1499, pasa a depender do compostelán San Paio de Antealtares, lugar a onde se trasladaron as súas monxas, e quedando como testemuño a Igrexa, posto que o Mosteiro perdeuse tralo seu abandono coa desamortización do S.XIX.
Estamos ante un exemplo do Románico tardío do S.XII-X.III, que nos presenta unha planta sinxela, cunha soa nave que remata nunha ábsida semicircular, conservando a cuberta de madeira a dúas augas. A súa fachada é sobria, e pretende marcar a verticalidade especialmente reflectida polo desnivel do terreo no que se asenta; Aquí podemos ver os dous contrafortes que enmarcan a porta principal, cuberta de arquivoltas que conforman un arco levemente apuntado, deixando así entrever os inicios do nacente Gótico.
Na fachada Norte, podemos observar tamén unha portada cun arco apuntado, a cal queda resaltada no entorno, sobresaíndo os muros ó exterior, enmarcada tamén polas arquivoltas a cal presenta unha cruz que adorna o tímpano, a cal presenta unha decoración composta por flores. A fachada discorre cunha decoración de arcos de medio punto, pequenos e que rematan con canzorros adornados con diversas figuras. Na fachada Sur, máis escondida e pequena, tamén podemos observar outro acceso, enmarcado coma as anteriores polas arquivoltas e co arco apuntado, presentando tamén a mesma decoración cá anterior no seu tímpano.
Fachada Norte
Ano de Fundación
A ábsida da Nave, está formada por cinco tramos separados por columnas con capiteis vexetais, os cales presentan cadansúa fiestra adornada, con arquivoltas e arcos de medio punto; a central é a máis decorada, presentando aberturas con dous rosetóns, mentres que as outras ventás están tapiadas. O interior da Nave está espido, presentando un presbiterio máis elevado ó que se accede baixo un arco apuntado, adornado tamén con decoración vexetal coma no seu exterior.
Temos que destacar a conservación actual do campanario románico, posto que era frecuente que fose derribado nas tormentas ó longo do tempo; do mesmo xeito, a colocación deste chama a atención, posto que no lugar de estar na fachada principal, a Occidental, atópase na parte norte, destacando tamén a profusa decoración exterior que non se atopa en todas as construcións deste estilo no chan galego.