Bidueiros
A parroquia de Santa María de Bidueiros divídese nos lugares de Amear, San Martiño, A Gouxa, Roiriz, A Pallota e Bidueiros. Xeograficamente, aséntase nunha das caídas do Monte da Pena de Francia, o que fai que sexa un territorio elevado, destancando a altitude que acada o Alto de San Martiño, que acada os 818 metros de altitude.
Temos que destacar que no lugar de A Gouxa atópanse os famosos “Pendellos” do S.XVIII, de propiedade privada, poñen de manifesto a importancia da Feira deste lugar, a cal perdura no tempo e se segue a celebrar os días 11 e 23 de cada mes. O lugar de A Gouxa era lugar de paso importante no momento, así coma comercial para os intercambios e feiras promovidas polo veciño Mosteiro de Oseira. Neste senso, temos que destacar a Festa da Carne ó Caldeiro e Bola con Torresmos, a cal se celebra dende o ano 1994, o primeiro domingo do mes de Xuño e que cada ano conta cunha importante afluencia de xente.