Pena de Francia

Pena de Francia

Dinos Otero Pedrayo que dende a Pena de Francia podemos visualizar o Monte do Faro, así coma o Pico Sacro, e non se equivoca, posto que a 914 metros de altitude temos unha das Áreas máis senlleiras do noso Concello, a cal se ve coroada por unha Capela cuxa advocación é a Virxe da Pena de Francia, e que deu comezo a unha Romaría destacada na contorna.

Conta a tradición, que tres irmás que vivían na Serra da Martiñá ourensá, tiveron que fuxir das meigas que alí chegaron, polo que cada unha escolleu un lugar repartíndose así: a chamada Morena é a nosa Virxe da Pena de Francia, mentres que outra foi para o Monte Faro, concretamente a aldea de Requeixo, e a chamada Magdalena foi parar a Forcarei. Xorde así unha Romaría, vinculada a numerosas lendas coma a explicada, e cuxo nome ven marcado pola famosa vitoria dos Galegos fronte ós Franceses nesas loitas da Independencia trala Invasión Napoleónica. Se ben podemos enmarcar os orixes de dita romaría a cabalo entre os S.XVII-XVIII, temos que dicir que o lugar da Pena de Francia posiblemente foi o elixido pola simple finalidade de cristianizar aqueles lugares onde se practicaban cultos pagáns, e temos que dicir que neste senso as zonas elevadas eran os enclaves máis elixidos polos cultos anteriores ó cristianismo.

CARBALLEIRA DO REI

O primeiro domingo de setembro, este Monte acolle a multitudinaria presenza dos fieis da Virxe, os cales acoden á Misa e á famosa Poxa, para despois xantar na carballeira situada ós pés do Santuario. A virxe é trasladada dende a Igrexa de Santa María de Dozón, tradición que segue dende os seus orixes, cando a Virxe era trasladada percorrendo o Camiño do Rei ata a Cima, para xantar na Carballeira actual, chamada tamén do Rei. A tradicional celebración foi evolucionando, con numerosas mesas e os lugares reservados pola xente, dende os seus inicios, cando os habitantes máis vellos da Parroquia lembran acudir cas cestas con comida, e xantar sobre unha manta no chan. Hoxe, contamos cunha Área perfectamente acondicionada, posto que se pode chegar por pista asfaltada, e tralas repoboacións arbóreas, temos unha carballeira que alberga bancos e mesas de cantería, así coma unha fonte e aseos, facendo que as xornadas que decidamos pasar aquí sexan agradables e cómodas.