PARROQUIAS

PARROQUIAS

A división do noso Concello enmárcase en oito parroquias, as cales son O Sixto, Sanguiñedo, Dozón, Saa, Bidueiros, A O, Vilarello e As Maceiras. As nosas Oito Parroquias aséntanse nun terreo accidentado, entre o Monte do Faro e o Monte do Testeiro, os cales aportan as características dun terreo agreste, con montes faltos de vexetación e núos, destacando a Pena de Francia, que é o punto máis alto con 914 metros. É na Pena de Francia onde nace o Río Asneiro, así coma o nacemento e paso dos afluentes do río Deza, amosando unha paisaxe dominada polo verde en vales e pradarías.

O emprego da parroquia como división administrativa provén do seu uso como demarcación eclesiástica (xa que é a unidade básica de delimitación segundo o Dereito Canónico), as cales tiñan á fronte un párroco, e quedaron definidas na chamada “Divisio Theodemiri”, elaborado no 569 polo rei suevo Teodomiro. O termo parroquia provén do grego paroikía e significa “reunión de habitantes". Xa é no S.XIX cando aparecen definidas e constitúen a formación dos Concellos, tendo en moitos casos uns límites eclesiásticos que varían da división político administrativa. É unha división típica de Asturias e Galicia, que perdurou durante os Séculos, estando recoñecida actualmente polo Estatuto de Galicia sendo, en definitiva, a agrupación de aldeas que constitúen os nosos actuais Concellos, a súa división máis básica no territorio.