Saudo do Alcalde

Saudo do Alcalde

Quero darvos unha agarimosa benvida a esta ventá que abrimos dende o Concello, a cal ten como fin ser vencello de comunicación cos nosos veciños e visitantes. Sendo conscientes da importancia da rede como medio de relación e información no marco da sociedade actual, pretendemos amosarvos toda a información da que dispoñemos, achegándonos a todos vos.

Dende aquí invitámosvos a que nos visitedes, a que desfrutedes da nosa terra, da nosa paisaxe, cunha situación xeográfica marcada polos montes e a vexetación característica, coma a Pena de Francia ou o Monte da Rocha. O noso Concello, esencialmente Rural, amosa a importancia da gandaría na vida dos nosos veciños, posto que é o motor esencial da economía do noso concello, o que axuda a conservar o noso contorno paisaxístico e que poidamos desfrutar do mesmo.

Sabedores tamén da nosa riqueza patrimonial, tanto histórica como artística, contamos con monumentos destacados coma o Mosteiro de San Pedro de Vilanova, erixido no S.XII dentro do Románico tan característico de Galicia, manifesta a importancia na Idade Media, posto que contaba con xurisdición fóra dos nosos límites actuais. Queremos destacar a importancia que temos no marco do Camiño de Santiago e da Vía da Prata, contando co paso de peregrinos ó longo dos séculos, e cuxo percorrido fomentou o desenvolvemento de mercados e feiras que perduran ata hoxe coma a Feira da Gouxa e os seus Pendellos, que se atopan estreitamente vencellados ó Camiño e as Feiras promovidas polos monxes de Oseira, perdurando até os nosos días dende a Idade Media.

Poderiámonos estender moito máis, pero a nosa intención é que o descubrades nesta fiestra, que as pinceladas que acabamos de dar vos sirvan para que veñades a coñecernos, descubrir o noso Patrimonio, os nosos Sendeiros, as nosas Fragas e as nosas Tradicións, desfrutando así do noso Concello, do que nos sentimos profundamente orgullosos.

Adolfo Campos Vázquez
Alcalde de Dozón