Sanguiñedo

Sanguiñedo

A parroquia de Santa María de Sanguiñedo é unha das de maior extensión do Concello, e agrupa os lugares de Seixas, Sanguiñedo, O Zudreiro, Santo Domingo, Cardoufe, As Bouzas e O Eirelo. Xeograficamente, conta cun terreo moi accidentado o cal está atravesado pola Autopista Central de Galicia, e atravesado polo Río Seixas, o cal forma un entorno agradable, dominado por bosques predominados polo sanguiño, árbore que lle dá nome á parroquia e cuxo froito é un dos remedios máis coñecidos contra a sarna.

Temos que destacar a Praia Fluvial de Sanguiñedo, un entorno de lecer enmarcado pola praia en si e unha arboreda que cobre as mesas de pedra, o que provoca un lugar para desfrutar, dende os máis cativos ata os máis pequenos, destacando que a pesares de ser unha praia de río conta con area, o que fai maior a comodidade. Tras pasar a Praia chegamos ó desvío que nos leva á man dereita á Igrexa parroquial de Santa María, a cal se atopa tras pasar unha pequena ponte, e está gardada polo bosque, o que lle confire un encanto enxebre.