Frescos Renacentistas de San Xoán do Sixto

FRESCOS RENACENTISTAS DE SAN XOÁN DO SIXTO

No lugar da Igrexa do Sixto, atópase a Igrexa Parroquial a cal acolle o que é denominado como o mellor conxunto pictórico do Renacemento Galego, contamos coa fermosa presenza duns muros interiores cubertos pola obra do chamado Mestre do Sixto, autor tamén das pinturas que cobren as paredes de Santa María de Dozón.

Datadas no ano 1522, posto que dita data aparece debuxada nas paredes, xunto coas escenas onde amosan a Paixón de Cristo, mesturado cos retratos de Carlos V e a súa dona Isabel de Portugal. A pesares de que hoxe algunhas están tapadas por un capa de cal, podemos observar a un Cristo levado ante Poncio Pilato, recollendo a famosa escena na que Pilato lava as mans para non pronunciar unha sentenza contra Cristo, deixando isto nas mans dos xudeus. Xunto a esta na mesma parede, temos o episodio de Cristo amarrado a unha columna, onde sofre a Flaxelación, para logo observar o descenso ó Limbo dun Cristo poderoso.

 

En toda a recreación podemos contemplar as formas esaxeradas que deixa entrever a evolución do Renacemento cara o Manierismo, a estilización das figuras, así como a dor que se recolle nos rostros distintos de Cristo, o sufrimento que marca o cadro da Flaxelación, onde aparece observado polos Reis Casteláns. A imaxe cambia no Descenso ó Limbo, onde vemos un Cristo poderoso, marcando a severidade no seu rostro, e que observa axeonllados ante si a unha parella núa.

A construción do Templo parroquial así como a elaboración das pinturas enmárcase en plena Contrarreforma, polo que se explica o orixe dos frescos, posto que dende sempre o Arte estivo ó servizo da Igrexa para adoutrinar os fieis, e ser vehículo de coñecemento do recollido nas Sagradas Escrituras e predicado polos párrocos, posto que temos que ter en conta que na época, a maioría da poboación era analfabeta, algo que se deixaba sentir máis aínda no Rural. Neste contexto Reformista contra Lutero, explícase a presenza do Retrato Rexio, posto que Carlos V foi o maior abandeirado da Contrarreforma, onde a figura de Cristo foi exaltada como símbolo da piedade encarnada por el.

ISABEL E CARLOS

O Altar aparece enmarcado polo acceso dun gran Arco de medio punto, o cal corta a continuidade da representación pictórica, e que encadra a vista do Retablo Maior do S.XVIII que recolle as escenas da decapitación de San Xoán Bautista, patrón da Parroquia, coroada a composición por un Sagrado Corazón de Xesús de xeso. De madeira dourada e policromada, acolle ó Santo no van central, e amosa a inscrición da súa elaboración; no lado esquerdo temos a escena da decapitación de San Xoán, elaborada en alto relevo, mentres que da mesma maneira de formación, aparece á dereita o Bautismo de Cristo por San Xoán. As partes altas do Retablo, están compostas pola imaxe de Santa Rita á esquerda e a de San Pedro á dereita, ámbalas dúas de madeira policromada.